Friday 17 de May de 2024

A directora de Turismo de Galicia inaugura a novena edición do Congreso Internacional de Estudos Xacobeos


O congreso “María e Iacobus no Camiño Xacobeo” celébrase ata o vindeiro sábado, 24 de outubro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela

A directora de Turismo de Galicia inaugurou o IX Congreso Internacional de Estudos Xacobeos “María e Iacobus no Camiño Xacobeo”, que celebrase dende hoxe ata o vindeiro sábado, 24 de outubro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

O congreso conta coa participación de representantes de numerosas universidades internacionais reunindo na meta do Camiño de Santiago a numerosos expertos internacionais para afondar nos múltiples e diversos lazos existentes entre o culto mariano e o culto a Santiago ao longo da historia.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención que, grazas ao Congreso, Santiago de Compostela convértese durante estes días, unha vez máis, no epicentro do turismo de peregrinacións, consolidándose a Ruta Xacobea como un referente internacional.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que a investigación foi sempre fundamental no fenómeno xacobeo xa que, segundo afirmou, “confire, custodia e defende a especificidade do Camiño de Santiago ao longo do seu milenio de historia”.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que dende a administración turística galega apóstase firmemente pola investigación e os estudos xacobeos dando todo o apoio necesario, a través da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Así mesmo, Nava Castro explicou que esta aposta de Turismo de Galicia pola investigación está tamén reflectida no Plan director e Estratéxico do Camiño de Santiago.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que o plan dedica unha das súas oito liñas estratéxicas á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da Cultura Xacobea.

“Deste xeito, esta folla de ruta, que marca as directrices para a conservación e potenciación do Camiño de cara ao próximo Ano Santo 2021, establece plans de acción enfocados ao fomento do estudo e a investigación da Cultura Xacobea, así como a súa divulgación entre todos os públicos”, afirmou.

Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia aproveitou a oportunidade para manifestar o recoñecemento da Xunta de Galicia ao inmenso labor do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Segundo sinalou, desde o seu nacemento no ano 1992 e xurdido da necesidade de asesorar no campo científico e cultural ao Goberno galego para a celebración do Ano Santo Compostelán 1993, o Comité aglutinou ao longo da súa historia aos máis brillantes investigadores europeos en temática compostelá.

“Grazas ao comité e aos congresos que periodicamente organizan, as investigacións que se realizan sobre o Camiño de Santiago alcanzan unha gran difusión e promoción en Europa e no resto dos países vinculados dalgún modo ao culto a Santiago”, concluíu Nava Castro.

Programa
A inauguración do IX Congreso Internacional de Estudos Xacobeos contou tamén coa participación do Deán da Catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez, que ofreceu un relatorio titulado “Camiñando coa Virxe e Santiago”.

Mañá, xoves 22 de outubro, darán comezo as sesións técnicas do Congreso Internacional que nesta xornada incluirán unha primeira parte dedicada á “Santa Parentela” e unha segunda que versará sobre os santuarios marianos no Camiño.

Na seguinte xornada, o venres 23 de outubro, continuarase afondando nestes santuarios marianos que encóntranse ao longo do Camiño e reflexionarase sobre a relación de colaboración ou rivalidade entre Santiago e Santa María.

Por último, para finalizar, o sábado 24 de outubro, terá lugar a xornada “Santa María en Santiago de Compostela”.

Por outra parte, o congreso inclúe tamén no seu programa unha serie de actividades sociais coma a visita á igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario ou a visita á Catedral de Santiago.